Pages to the People

The Offspring

The Offspring son Dexter Holland (voces, guitarra), Noodles (guitarra), Greg K (baixo) e Pete Parada (batería). A banda naceu en 1984 en California. O disco Smash (1994) deulles a fama, o prestixio internacional e os seus primeiros grandes éxitos. Con Americana (1998) venderon 13 millóns de discos en todo o mundo. O seu último álbum, Rise and Fall, Rage and Grace (2008) demostra que seguen en forma e son unha das referencias do rock máis próximo ao punk dos 90 ata hoxe. The Offspring publicou oito álbums, realizou máis de mil concertos en todo o mundo e fabricou hits incombustibles como “Self Esteem”, “Come Out And Play (Keep´Em Separated)”, “The Kids Aren´t Alright”, “Hammerhead? Ou o recente “You´re Gonna Go Far, Kid”, entre moitos outros. O seu característico son e a súa vitalidade fan de The Offspring unha banda de culto con millóns de acérrimos seguidores.

www.offspring.com

 

The Specials

Un dos grupos británicos máis relevantes de finais dos 70 e principios dos 80, cunha grande influencia na música das décadas seguintes. The Specials mesturaron os ritmos bailables xamaicanos do ska e o rocksteady coa enerxía e a actitude do punk e un importante compromiso social e político. Desa mestura naceu o estilo chamado 2 Tone e o éxito de cancións como “Ghost Town”, “Too Much Too Young”, “A Message To You, Rudy”, “Free Nelson Mandela” e “Gangsters”. Logo dos discos Specials (1979) e More Specials (1980), a banda viviu décadas de cambios de formación e aventuras paralelas, ata que en 2008 a maior parte dos membros volveu xuntarse, de novo baixo o nome de The Specials. Agora actuarán por primeira vez en Galicia, logo de ser o ano pasado unha das actuacións destacadas do Festival de Benicàssim.

 

www.thespecials.com

 

The Charlatans

Formada a finais dos 80, The Charlatans é con The Stone Roses e Happy Mondays unha das bandas que deu forma ao son Madchester. Co seu primeiro álbum, Some Friendly (1990), marcaron o seu propio camiño: cancións de pop ácido, guitarras rockeiras e efectos psicodélicos. Con esa receita conseguiron chegar aos primeiros postos das listas de éxitos británicas disco tras disco, e xa van once. O último titúlase Who We Touch (2010) e inclúe temas como “Love Is Ending” e “My Foolish Pride”. Novas racións de intensidade sonora que se suman a outras grandes cancións da súa carreira como “The Only One I Know”, “Blackened Blue Eyes” ou “How High”, para ofrecer nos seus directos un menú de pura enerxía.

 

www.thecharlatans.net

The View

 

As Illas Británicas non paran de exportar excelentes bandas que xogan a mesturar rock, punk, powerpop e folk. The View é unha das mellores: catro escoceses que aínda non chegaran á maioría da idade cando comezaron a chamar a atención dos máis atentos. A súa proposta musical está influída por grupos como The Clash, Oasis e The Libertines, nunha onda similar á de Arctic Monkeys ou Hard-Fi, ao que suman unhas letras misteriosas na voz de Kyle Falconer. En 2007 confirmaron todas as expectativas co disco Hats Off To The Buskers, que chegou ao número 1 no Reino Unido, ao que seguiron outros dous álbums: Wich Bitch? (2009) e o recente Bread And Circuses (2011), que agora presentan en directo.

 

http://www.theviewareonfire.com

The Toy Dolls

The Toy Dolls é un dos grandes grupos británitos de punk rock dos 80. Michael “Olga” é o líder dun trío que demostrou que o punk podía ser unha cousa divertida e desenfadada. Desde o seu primeiro sinxelo, Tommy Kowey's Car ata o disco máis recente, titulado ironicamente Our Last Album? (2005), The Toy Dolls construíron unha carreira sólida a base de temas pegadizos e sen complexos. En 32 anos de traxectoria o trío fíxose cunha recua de admiradores en Europa, Estados Unidos e Xapón. En 2011 só farán dous concertos, e un deles será o de Rock in Way Estrella Galicia. Aquí farán bailar o público con cancións irreverentes de títulos tan ilustrativos como "Yul Brynner Was A Skinhead", "My Girlfriend's Dad's A Vicar" ou "James Bond Lives Down Our Street”.

 

www.thetoydolls.com

 

<< rinôçérôse >>

 

Rock, música electrónica e dance cítanse na música de << rinôçérôse >>. Os franceses Jean-Philippe Freu á guitarra e Patrice «Patou» Carrié ao baixo son os responsables deste proxecto no que a enerxía sonora de discos como Installation Sonore (1999), Schizophonia (2005) e Futurînô (2009) se traslada ao escenario de maneira espectular. Son psicólogos de profesión, e con temazos como “Le Mobilier”, “Bitch” e “Cubicle” poñen todas as túas neuronas a berrar e bailar.

 

www.rinocerose.com

Bad Manners

 

 

O carismático Buster Bloodvessel lidera esta banda británica, un referente do ska máis divertido que se mantén tan fresco hoxe como hai tres décadas. Formados a finais dos 70 e con quince referencias discográficas no seu haber, Bad Manners non deixou de xirar e crear música ao longo destes anos. A forza no escenario do xigantón Bloodvessel é a marca de identidade dunha banda que, a pesar dos cambios de formación, segue a transmitir en directo unha enerxía especial, capaz de facer bailar a todo o mundo ao son de éxitos como “Ne-Ne Na-Na Na-Na Nu-Nu”, “Lip Up Fatty”, “Special Brew” ou “Can Can”.

 

http://www.myspace.com/badmannersska

Muchachito Bombo Infierno

Muchachito iniciou a súa carreira tocando na rúa e pasando a gorra e, aínda que agora actúe nas mellores salas e festivais, mantén a frescura dos seus inicios. A banda formada por Jairo Perera, El Lere, Tito Carlos, Héctor Bellino e Josué García ofrece unha mensaxe optimista a base de ritmos cálidos nos que habitan ventos, percusións, teclados e guitarras rumberas. Desde 2004 o Bombo Infierno está en órbita, xirando cos discos Vamos que nos vamos (2005), que incluía a festiva “Ojalá no te hubiera conocido nunca”, Visto lo visto (2007) e o recente Idas y vueltas (2010), gravado entre Barcelona e Jerez.

 

www.muchachitobomboinfierno.com

Sôber

Sôber é un dos nomes propios do rock e o metal alternativos en España. Sôber significa sobrio, e a sobriedade é unha das características máis notables do grupo, combinando a potencia musical coa melodía vocal, ademas da súa característica e orixinal posta en escena. Despois da morte do batería Alberto Madrid e cinco anos de proxectos paralelos, a banda volveu á actividade en 2010. O novo batería, Manu Reyes, uniuse a Carlos Escobedo, Jorge Escobedo e Antonio Bernardini para gravar o disco Superbia (2011), co que esperan reeditar o éxito de Paradysso (2002) e Reddo (2004).

 

www.soberweb.com

Siniestro Total

Siniestro Total son Julián Hernández, Javier Soto, Angel González, Jorge Beltrán e Oscar G. Avendaño. Siniestro Total é tamén parte da banda sonora de distintas xeracións, desde que en 1982 o seu disco ¿Cuándo se come aquí? impactou con forza na escena rock española. Foi o principio dunha traxectoria na que esta banda de currantes soubo evolucionar desde o punk máis gamberro ata o seu potente son actual. No seu haber, cancións como "Las tetas de mi novia", "Ayatollah", "Miña terra galega", "¿Quiénes somos? ¿De dónde venimos? ¿A dónde vamos?", "Bailaré sobre tu tumba", "Camino de la cama" ou "Cuenca minera", e un último disco, Country & Western, nominado aos Premios de la Música" como mellor álbum de rock.

 

www.siniestro.com

Delorean

 

A música de Delorean pínchana os djs máis reputados de todo o mundo. Dez anos despois de formarse en Zarauz, a banda guipuzcoana acadou a fama internacional co ep Ayrton Senna (2009) e sobre todo co álbum Subiza (2010), un disco escollido entre os mellores do ano pasado por varias publicacións de música independente. A súa é música de baile que cobra todo o sentido en directos espectaculares. Atópanse no seu momento máis doce, resultado dunha carreira coherente e en constante evolución.

 

www.myspace.com/delorean

Tote King

 

O rapeiro Tote King é hoxe por hoxe un dos valores máis seguros do rap español. Desde que en 2002 debutou no disco Tu madre es una foca, compartido co seu irmán Shotta, cada novo álbum é un paso adiante nunha carreira de fondo na que sempre está en cabeza. Con letras mordaces e moita capacidade para polemizar e crear controversia, as súas rimas van afiándose e chegan disco tras disco a un público máis amplo. Así o demostra o tema “Redes sociales”, do seu último disco, El lado oscuro de Gandhi (2010).

 

www.toterreno.com

Las Pelotas

Las Pelotas é un dos grupos de rock máis coñecidos e respectados de Arxentina. Naceu a finais dos 80 logo da disolución dos clásicos Sumo. Doce discos e importantes éxitos despois, a banda sobreviviu a cambios de formación e incluso á morte dun dos seus compoñentes, Alejandro Sokol, para manterse como unha proposta coherente con enorme prestixio no outro lado do charco. O seu último disco, Despierta (2009) mestura con espontaneidade e emoción temas rock, reggae e cancións intimistas.

 

www.laspelotaspage.com

Triángulo de Amor Bizarro

Sonidos shoegaze, punk, pop, distorsión máxima, ecos de tantos grupos e ao mesmo tempo, únicos. En 2007 sorprenderon cambiando desde Galicia o rumbo do pop peninsular cun son compacto e letras costumistas, místicas, relixiosas, irónicas e directas á vez. O seu álbum de debut convertiuse nun clásico, un trallazo que parecía difícil de superar ata que en 2010 editaron Año Santo. Eloxiados por público e crítica, Triángulo de Amor Bizarro contan xa cunha lexión de fans que alcanza o delirio coa tormenta sonora dos seus concertos.

 

www.myspace.com/trianguloamorbizarro

Niño y Pistola

 

Niño Y Pistola eran un grupo pop de clara influencia británica. Letras en inglés, un son acústico emparentado co Liverpool dos 60, xogos vocais e cancións de tres minutos foron os ingredientes básicos dos seus discos Como un maldito guisante (2006) e Culebra (2008), cos que se converteron na esperanza do pop feito en Galicia. Pero en 2010 decidiron retorcer o seu camiño inventándose un álter ego estadounidense, Arthur & The Writers, para presentar un novo disco que bebe do folk e do rock californiano para engadir novos ingredientes á súa poción musical.

 

www.ypistola.com

 

The Blows

 

A banda viguesa sorprendeu en 2007 co seu álbum de debut, Upskirt (2008), no que recollían influencias da new wave que os emparentaban con Franz Ferdinand. Agora presentan en directo o seu esperado segundo disco, Ejército de fantasmas (2011), no que se achegan á electrónica cun son máis escuro. “Mujeres que corren con lobos” é o single de presentación dun disco producido entre Vigo, Madrid e Londres.

 

www.myspace.com/theblows

Igloo

 

Contundente. Así é o son de Igloo, un grupo galego que se sae das fronteiras máis estreitas do indie español. No disco Igloo (2005) e o ep Una luz de estío glacial (2006) asentaron o seu son, ao que deron unha volta en La transición de fase (2009), co que conseguen críticas eloxiosas, actuacións en salas e festivais, premios e o apoio incondicional dun grupo cada vez máis numeroso de seguidores. Para superar ese listón, en 2011 lanzan Infinito 3, o seu traballo máis persoal, no que cambian o brillo de antano por un son máis escuro.

 

www.myspace.com/iglooeskimos

Los Chavales

 

Tato, Bibi, Toni e Fonso reuníronse en marzo de 2009 para montar un grupo de versións de grupos españois dos anos 60. Con tan divertido propósito formaron un repertorio de 25 canción clásicas que presentaron en diferentes salas e festivais, redescubrindo para o público novo a calidade atemporal do pop “ye-yé” español, a través da súa revisión fresca de temas de Los Brincos, Los Bravos, Los Salvajes, Lone Star, Los Gritos...

 

www.myspace.com/oschavales

Dirty Socks

 

Sen editar aínda ningún disco físico, o boca a boca e o MySpace convertéronos nunha das grandes promesas da música independente galega, cunha proposta que mestura de influencias post-punk e de sons actuais. Teñen unha media de idade que non chega aos 20 anos, e acaban de gañar a última edición de Levi's Unfamous Music Awards, superando a máis de 700 grupos.

 

www.dirtysocks.es

Novedades Carminha

 

Son punk e sóbralles actitude. Jarri (baixo e voz), Carlangas (guitarra e voces) e Xavi (batería e voces) son Novedades Carminha, os máis avanzados da escena bizarra galega. Cada canción súa é unha dose de frescura, dous minutos de melodía contaxiosa e letra ameazadoramente divertida: “Ensalada de ostias”, “Mata o teu pai”, Dame de beber” e “No te vuelvas portar mal” son xa pequenos clásicos. O seu último disco é Jódete y baila (2011), no que o seu son escora cara ao garaxe, con melodías máis bailables.

 

www.myspace.com/novedadescarminha

Riff Raff

 

 

Riff Raff son Toñito (voz), Tomás (guitarra), Miguel (guitarra), Sergio (baixo) e Colas (batería). Son galegos e fan versións de AC/DC. Empezaron no 96 por pura diversión, pero o éxito de cada unha das súas actuacións tirou da seguinte... ata xuntar 15 anos sobre os escenarios, onde reproducen con asombrosa fidelidade o son da banda australiana.

TeMazo Showcase

Juanito Broders, Furier, Malandrómeda

 

TeMazo é o nome común para todos os proxectos dunha pandilla de colegas de Santiago de Compostela que levan facendo rap dende mediados dos 90. De aí están a saír algunhas das ideas máis chamativas do hiphop feito en Galicia. Juanito Broders, Malandrómeda e Furnier unen agora as súas forzas no escenario para trasladar o espírito do colectivo ao directo.

 

www.temazo.org